Son Eva Agra e Komorevi é o meu nome artístico e son unha ilustradora e artista urbana galega.

Dedícome á ilustración profesionalmente dende hai case unha década pero adoro comunicarme mediante o trazo do lapis e do pincel dende que teño uso de razón e pintaba nas paredes do meu cuarto.

A miña filosofía de traballo e os valores que a acompañan son resultado do traballo en colectivo en 7H Cooperativa Cultural, entidade de economía social do eido artístico-cultural que fundei xunto a outras compañeiras no 2015 e da que formei parte durante oito anos.

A igualdade de xénero, a diversidade, a xustiza social, a comunidade e o coidado nos procesos son os motores que guían os meus trazos e que procuro transmitir a través das miñas obras e dos obradoiros que imparto.

Asimesmo, para min é fundamental traballar con outres profesionais en comunidade. Por iso formo parte da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).